21 Nov

HEREDEIROS DA CRUS

Sala Baranda O Barco 12:00 pm - 2:30 am

Heredeiros da Crus nacen en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992. Logo duns primeiros ensaios nun galiñeiro de Poi, ese mesmo ano ofrecen o seu primeiro concerto na mítica Festa da Dorna. En 1994 publican o seu primeiro disco, ‘A Cuadrilla de Pepa a Loba’, un álbume que marcou un antes e despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como ‘Quero josar’ ou ‘O fillo de José’. Beni, alias ‘o fillo de Ampartio’ era o batería nesta formación inicial, un posto que logo ocuparon Pepe Santamaría (entre 1995 e 1999), Marcos Otero (no directo All right Chicago), Pedro Rodríguez alias ‘Trelles’ (no disco Chicarrón) e Manu para a xira de 2012.

As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90 famentos de música e cultura coa que identificarse

Logo de converterse nun dos grupos insgina do Xabarín Club –o mítico programa infantil da TVG para o que gravaron temas e videoclips hoxe históricos como Que jallo é ou Íscalle Lura –, e de ofrecer ducias de concertos sempre memorables (e normalmente polémicos) por toda Galicia e parte do estranxeiro (chegaron a actuar en Londres e Nova York), en 1996 edítase o segundo disco de Heredeiros da Crus: Está que te cajas!!, con temas emblemáticos como ‘O teu fillo fuma porros’, a melancólica ‘A chaqueta de lana’ ou Frenaso no calsonsillo’, unha peza na que colabora o mesmísimo Rosendo Mercado.

En 1997 os Heredeiros publican dous traballos: ‘Criatura’, un EP de cinco temas (entre eles, outro himno: ‘Non quero nada de ti’) e ‘Des Minutos’, no que empezan a versionar cunha exitosa versión do ‘My Sharona’, que eles titularon ‘Vaiche boa’. O seguinte álbume publicouse dous anos despois, en 1999, baixo o título ‘Erecsiones munisipales’: un disco que por primeira vez conta con outros instrumentos e sonoridades como os metais nalgunhas pezas.

Un ano despois, en 2000, Heredeiros da Crus publican o seu sexto disco, un dobre álbume gravado en directo, titulado ‘All right Chicago” (que converteu a Heredeiros na primeira banda galega en editar un disco en directo), no que se pode apreciar a potencia do grupo de riba dos escenarios, un lugar onde todo é posible: disfraces, improvisacións, lanzamento de obxectos, colaboracións do público, mesmo stripteases…

Logo de catro nos que, entre outros proxectos, editaron un disco de versións baixo o nome de ‘Recambios Tucho’ (2001), en 2004 publicaron o seu sétimo (e último) disco como Heredeiros da Crus: ‘Chicarrón’, un traballo con sons máis pausados que incluía un dvd con material extra (unha iniciativa tamén pioneira na música en galego ).

En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros inicia os seus propios proxectos musicais: Javi funda o grupo Jabon Blue coa colaboración de Tucho (unha formación de rock contudente que xa vai camiño do seu cuarto disco), Tonhito fai o mesmo con A Banda de Poi (un vangardista proxecto galaico-portugués) e outros discos en solitario, Fran participa na banda acústica Mustang e máis adiante en The Lákazans…

En 2012, cando se cumpren 20 anos daquel primeiro concerto na Dorna, os Heredeiros da Crus, os máis jrandes, volven aos escenarios para dalo todo. Unha xira que comezou na discoteca LP45 Ordes (A Coruña) o 3 de marzo de 2012 cun concerto memorable para todos os asistentes. Despois de tocar nos principais festivais do país ese verán (Nordestazo, Brincadeira, Derrame, Music Way, Rías Baixas e Arreaocabo), en 2013 Heredeiros da Crus ademáis de seguir ofrecendo memorables concertos por toda Galicia, mantiveron a súa promesa de publicar un novo disco (o primeiro de estudo despois de nove anos) con 12 temas inéditos: Jard Rock con Fe. Para o 2014 os plans de Heredeiros inclúen un concerto en Madrid e varios concertos durante o verán.

Añade tu comentario
Realizado por Saltalavista. Información Legal.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies